mércores, 20 de maio de 2020

XOGAMOS COA AUGA. PARTE I

De tódolos materiais naturais cos que poden xogar os nenos e nenas, un dos máis versátiles e que máis lle gustan é sen dúbida a AUGA. Ademais de xogar coa auga na hora do baño, hai moitas outras actividades que podemos integrar no día a día en situacións ben distintas.

A auga é un elemento que empregamos en moitas actividades cotiás: cociñar, limpar, aseo persoal e nas que os nenos gústalles participar.

Algunhas das posibilidades de xogo e experimentación que podemos propoñerlles son:

TAREFAS DOMÉSTICAS DE LIMPEZA REAIS OU SIMBÓLICAS
Son moitas as tarefas domésticas que implican o uso da auga e nas que poden participar os pequenos: frega-lo chan, lava-los pratos, rega-las plantas, limpar unha mesa , uns cristais.....

É moi positivo deixarlles limpar aínda que sexan moi pequenos xa que se atopan nestas idades  na etapa do xogo simbólico (xogar a ser, xogar a facer). O obxectivo é que experimenten e síntanse partícipes das actividades que realizan os adultos, aínda que o resultado a nivel de limpeza por suposto  non se acade.


LAVAR UNHA PRENDA DE ROUPA NUN BARREÑO 
Outra das tarefas que podemos deixarlle facer aos pequenos, agora que xa vai bo tempo, é lavar unha prenda de roupa, uns trapiños vellos ou roupiña dos bonecos.

Podemos ensinarlle como facelo e deixar que o intente, estamos seguras de que lles encantará.


PINTAR CON XABRÓN NUN ESPELLO
Podemos ofrecerlle un recipiente con auga enxabonada que faga espuma e unha  esponxa para pintar o espello.

Esta actividade seguro que lles parece moi interesante, especialmente si pode facelo cun espello grande que lle permita verse.

PINTAR PEDRAS CON AUGA
Se temos pedras grandes no noso xardín ou recollémolas nunha das nosas saídas á natureza podemos ofrecerllas xunto cun pincel e un cacharriño con auga. Xa veredes como lle encanta!!!


BAÑAR BONECOS E LAVAR AS SÚAS ROUPIÑAS
Bañar os bonecos pode formar parte do xogo simbólico do que falabamos antes. Podemos converte-lo nunha fermosa actividade proporcionándolles uns anacos de toallas, un xoguete pequeno, un peite, unha esponxiña...

Deberemos presentándollo de xeito atractivo e lúdico.

XOGOS DE TRASVASE
Este é un dos xogos máis entretidos e co que mais gozan os pequenos. So temos que ofrecerlles un recipiente grande con auga e envases de todo tipo (co bico ancho, estreito, grandes, pequenos, transparentes, unha culler,  un coador,  un embude, unha xerra, tapóns de botellas ...). Serán eles mesmos os que proben, enchan, baleiren, comparen, etc. 

Sorprenderavos o nivel de concentración dos vosos pequenos!!!.


Moitos biquiños💓💓💓
As profes
Lara e Andrea

Ningún comentario:

Publicar un comentario