mércores, 6 de maio de 2020

IMOS DEIXA-LO CUEIRO!!!

Bos días familias,como vos atopades?, xa falta menos para ir superando esta situación, moito ánimo da nosa parte.

Hoxe queremos  falar  sobre o CONTROL DE ESFÍNTERES,  xa que moitos de vós amosástedes interese nas conversacións telefónicas que tivemos.

Moitos dos pequenos da nosa aula "estrelas", xa cumpriron os dous anos e nalgúns casos poderían estar en situación de deixar  de usar cueiros. 

Nesta publicación  pretendemos informarvos en que consiste  o proceso do CONTROL DE ESFÍNTERES, tan importante no desenvolvemento dos pequenos e pequenas. 

O cueiro non se saca, déixase!!!



O proceso de deixa-lo cueiro é un proceso natural que depende do estado madurativo do pequeno/a. O neno debe ser o protagonista.

Conforme o neno/a crece o seu sistema nervioso vai madurando , pero non todos os nenos/as maduran ao mesmo tempo (é importante ter isto en conta).

Antes dos 18 meses, aproximadamente, o neno non madurou as súas conexións entre o cerebro, o sistema nervioso e os músculos dos esfínteres que lle permiten tomar conciencia dos seus estados corporais internos e controlar de forma voluntaria a evacuación das feces e do mexo. Será entón, a partir desta idade cando o pequeno/a poida comezar o proceso de deixa-lo cueiro.




Algunhas das sinais que nos indicarán que este proceso comezou son:
O neno ou nena:
  • Rexeita os cambios de cueiro.
  • Dáse conta de que acaba de facer pis ou caca e o di.
  • Intenta quitarse o cueiro.
  • Esperta co cueiro seco.
  • Mantén seco o cueiro por máis tempo (3 ou 4 horas).
  • Comeza a avisar antes de facer caca ou mexo.
  • Interésase cando outros van ó baño e imítaos.
  • Entende ordes sinxelas.

Nós deberemos observar estes sinais e facilitarlle un entorno físico e emocional que lle permita vivir o seu proceso de forma natural, sentíndose respectado e alentado por nós.

Debemos vivir este proceso con cariño, é un salto máis na evolución do neno/a, un chanzo máis na conquista da súa independencia.

 ¿Como acompañar ao neno/a no proceso de deixa-lo cueiro dende o respecto?
  • Face-lo cambio de cueiro no baño para que o neno/a relacione o espazo co acto de ouriñar ou facer caca.
  • Traballa-la autonomía no proceso de subir e baixar os pantalóns e as braguiñas ou calzóns.
  • Invitar ao pequeno, no momento do cambio de cueiro, a que se sente no penico ou facilitarlle un banquiño para que poida sentarse no váter (existen no mercado adaptadores para os nenos).
  • Establecer unhas rutinas diarias para acompañalo ao baño.
  • Prepararlle un espazo acolledor no baño que ó invite a acudir a el (podemos terlle unha cestiña con contos relativos ao tema de deixar o cueiro ou outros que lle gusten, unha banquetiña pequena para que se suba e sexa capaz de sentarse no váter,  un espello seguro á súa altura...).
  • Roupa cómoda e doada de vestir e espir.



O  importante, quizais ó mais importante é  a nosa actitude:
  • Nin premiamos nin nos enfadamos.
  • Non  os obrigamos a permanecer sentados no penico contra a súa vontade.
  • Non nos burlamos del/dela nin facemos bromas.
  • Non comparamos o seu proceso có doutros nenos/as.
  • Animamos aos pequenos/as, enfocándonos nos seus logros, fixámonos no conseguido, non no que está por conseguir.


Se vos xorden dúbidas, non deixedes de contactar connosco por medio do correo electrónico:
escolainfantilmunicipal.meano@gmail.com, intentaremos responder o antes posible.

Un abrazo xigante para estes pequenos que tanto botamos de menos💗
As profes
Lara e Andrea







Ningún comentario:

Publicar un comentario